Explicación sobre a mecánica da presentación de actividades autoxestionadas para o Foro Mundial de Educación temático. O prazo de presentación de propostas remata o 30 de xuño.
Ao Foro Mundial de Educación pódense presentar propostas de actividades autoxestionadas ata o 30 de xuño, aínda que a organización invita a facelo canto antes para facilitar as cousas. Tales propostas poden ter calquera formato (mesa redonda, conferencia, testemuños, talleres, etc.) e estar encadradas en calquera dos 4 eixos temáticos do FME. Unha vez rematado o prazo de presentación de propostas, establécese outro prazo que ten por misión pór en contacto a organizacións ou entidades que queiran refundir propostas que sexan similares, se é que as hai, e facelas en común. Con isto, práctica habitual nos foros, preténdense optimizar espazos e favorecer a presentación de actividades consorciadas entre colectivos, organizacións, entidades, etc. A partir de aí chégase a un programa definitivo que será publicado en setembro. Unha vez decidido o programa definitivo, se a súa proposta foi aceptada, débese pagar unha taxa que axuda á autoxestión financeira do Foro. Neste caso serán 100 euros por actividade para colectivos ou entidades do Norte xeopolítico e 40 euros para os do Sur. Hai que ter en conta que esta taxa pode compartirse entre colectivos ou entidades que presenten actividades consorciadas. En resumo, os participantes no FME son quen propoñen as actividades e os seus formatos. Non existen restricións. Os responsábeis das propostas que finalmente entren no programa do FME son os responsábeis do seu desenvolvemento e o foro proporciona os espazos (aulas de universidade ou salas de auditorio), algúns materiais na medida do posible (proxector, etc), inclúeas no programa impreso e publicítaas. Por iso hai que inscribilas a través do formulario. Para rematar, e como é lóxico, para presentar propostas de actividades, a persoa responsábel debe tamén inscribirse como participante do FME.
|