| QUE É O FORO 2010? |
|
|
|
|
O Foro 2010 é unha iniciativa promovida orixinalmente polo Seminario Galego de Educación para a Paz e pola Fundación Cultura de Paz e conta, desde o seu inicio, co apoio de distintas institucións públicas e privadas, particularmente, da Xunta de Galicia, do Xacobeo 2010, do Concello de Santiago de Compostela e da súa Universidade (USC), así como de numerosas entidades e organizacións da sociedade civil, especializadas na educación e a investigación para a paz, e á que se foron sumando máis e máis institucións e asociacións de moi distinto ámbito e especialidade. Con este obxectivo, o 28 de Marzo de 2008 quedou constituído, en Santiago de Compostela, Galicia (España), o Comité Organizador do FORO 2010, presidido por D. Federico Mayor Zaragoza. Asemade, existe un Comité local galego para facilitar o Foro e un Comité de Honra. Do citado Comité Organizador forman parte destacados e recoñecidos persoeiros e están representados a maioría dos máis prestixiosos centros e institutos, entidades e asociacións de Educación e Investigación para a Paz, tanto do Estado español como de Portugal, moitos deles pioneiras nas súas respectivas áreas de actividade académica e social, así como de moi diferentes ámbitos de actuación. O Foro 2010 é un gran contedor de eventos e actividades a nivel mundial que xiran ao redor da Cultura da Paz. No 2010 coinciden diversos acontecementos moi salientábeis que paga a pena seren analizados e celebrados. Entre eles están a celebración dun novo Ano Xacobeo Compostelán, cita e lugar de encontro para millóns de persoas, o final da Década da Cultura da Paz e a Non Violencia para todos os nenos e nenas do mundo, proclamada por Nacións Unidas (2001-2010), dez anos dende a existencia dos Obxectivos do Milenio e o Programa de Acción para a Alianza de Civilizacións finalizou tamén a súa primeira andaina. Asemade, cúmprense tamén 10 anos desde que o Foro Social Mundial, e con el o Foro Mundial de Educación, naceran en Porto Alegre. SANTIAGO DE COMPOSTELA (3-30 de Decembro de 2010)
|