| POR QUE? |
|
|
|
POR QUE UN FORO SOBRE CULTURA DE PAZ NO 2010?No 2010 coinciden diversos acontecementos moi salientábeis. Trátase, en primeiro lugar, de aproveitar a celebración dun novo Ano Xacobeo Compostelán, cita e lugar de encontro para millóns de persoas. É tamén o final da Década da Cultura da Paz e a Non Violencia para todos os nenos e nenas do mundo, proclamada por Nacións Unidas (2001-2010). Os Obxectivos do Milenio cumprirán tamén un decenio desde a súa aprobación. E o Programa de Acción para a Alianza de Civilizacións finalizaría tamén a súa primeira andaina para o período 2007-2009, desde aquel 21 de Setembro de 2004 en que foi presentado oficialmente en Nacións Unidas polo Presidente do Estado Español, D. José Luís Rodríguez Zapatero. É, polo tanto, unha excelente ocasión e un inmellorábel lugar para reunir, na capital de Galicia, por primeira vez en Europa, ao Foro Mundial de Educación (FME), e ao seu Consello Internacional, adscritos, como saben, ao Foro Social Mundial (FSM), núcleo dinamizador do movemento altermundista, daqueles que soñan e soñamos con "Outro mundo possíbel", nun foro temático sobre "Educación, Investigación e Cultura de Paz". O Foro Mundial de Educacion (FME)O Consello Internacional do FME apoiou desde o primeiro momento a realización deste Foro temático en Santiago de Compostela e comprometeuse a promover a escala internacional a participación activa en todo o proceso preparatorio e na súa organización en decembro de 2010. Na actualidade o seu Consello Internacional representa a millóns de profesores e profesoras en todo o mundo, de todos os continentes, que foron participando nos distintos Foros desde que aquel 24 de Outubro de 2001 en que tivese lugar o primeiro deles en Porto Alegre (Brasil). O Foro Mundial de Educación (FME) preséntase pois en Europa como unha realidade e posibilidade na construción de redes que incorporan a persoas, organizacións e movementos sociais e culturais locais, rexionais, nacionais, estatais e mundiais que proclaman que a educación pública –para todas e todos– é un dereito inalienábel, garantido e financiado polo Estado e nunca reducido a unha simple mercaduría, na perspectiva dunha sociedade solidaria, radicalmente democrática e xusta. O FME representa hoxe, polo tanto, o sentir de millóns de persoas que atraídas pola idea de articulamento, intercambio e democratización de saberes e experiencias, para construír espazos para a creación colectiva, nunha plataforma internacional, aberta e plural, en defensa dos elementos axiais da educación, como son o seu carácter público, de balde, laico, obrigatorio, de calidade, e que promova unha cultura de paz, aspectos que pensamos deben ser soporte fundamental dos Estados verdadeiramente democráticos. O Foro Mundial de Educación, no seu devir, vén constituíndose nun espazo e proceso de particular articulamento. Espazo plural de debate e construción socio-pedagóxica que nesta conxuntura histórica mundial ten que perfilar reflexións e accións contra o neoliberalismo, que evidentemente é o principal inimigo da Educación pública, de balde, laica, participativa e de calidade, máis concretamente, en múltiples redes de sectores organizados que no eido educativo atopan neste Foro unha alternativa ao modelo mercantil. Desde a súa primeira edición en 2001, o Foro Mundial de Educación (FME) pode falar xa de avances específicos dos procesos de articulamento desenvolvido. A súa propia permanencia e vinculación ao FSM, a súa difusión a escala internacional, a realización de Foros das mesmas características de ámbito rexional ou local, e a súa extensión agora a Europa, así o demostran. Decenio da Cultura da Paz de Nacións UnidasNo Foro 2010 de Santiago de Compostela trátase, ademais, de avaliar, como adiantamos, o final do Decenio da Cultura da Paz de Nacións Unidas, cos seus coordinadores internacionais e nacionais, para reflexionar sobre os seus logros e carencias, así como sobre as súas perspectivas de futuro, sobre todo despois de que se elaborase e difundise o Informe Mundial en metade da Década, un texto de enorme relevancia no que tivo un papel determinante D. David Adams desde a oficina da Fundación Cultura de Paz en Nova York. A Alianza de CivilizaciónsQueremos tamén reunir en Compostela a membros moi destacados do Grupo de Alto Nivel de Nacións Unidas para a Alianza de Civilizacións, creado pola ONU e que desde o pasado 27 de Abril de 2007 preside D. Jorge Sampaio, ex presidente da República Portuguesa, co obxectivo de facer balance do Programa de Acción, 2007-2009, e renovar os seus compromisos coa paz, a cooperación, a xustiza e o diálogo intercultural. Actividades artísticas y culturalesParalelamente o FORO 2010 promoverá a celebración de diversas actividades converxentes no mes de decembro, de carácter artístico e cultural, relacionadas coa guerra e a paz, con distintas exposicións de pintura, cine, fotoperiodismo, literatura, banda deseñada, actuacións musicais... que pretenden converter a Santiago de Compostela e a Galicia nun referente internacional na cultura do diálogo, a concordia e a paz. Coincide tamén este ano 2010 con datas moi entrañábeis para as dúas entidades promotoras desta iniciativa pois ambas celebran a súa 25 e 10 Aniversario, respectivamente. |