Skip to content

Foro 2010 - Foro Mundial de Educación, Investigación e Cultura de Paz

Site Tools
Increase font size Decrease font size Default font size
You are here: Páxina inicial ONDE?
ONDE? PDF Versão para impressão Enviar por E-mail

O Foro 2010 terá lugar entre os días 3 e 30 de decembro de 2010 en Santiago de Compostela.

POR QUE EN SANTIAGO DE COMPOSTELA?

Santiago de Compostela, campus estellae, campo de estrelas, capital política e centro espiritual de Galicia, patrimonio cultural da humanidade, é o final e o principio dun dos máis importantes Camiños de peregrinación cristiá, xunto con Xerusalén e Roma, aínda que, desde hai anos, o Camiño de Santiago, mellor, os camiños en plural, teñen significados e sentidos que van moito máis aló das crenzas relixiosas. Está na orixe mesmo da idea de Europa, foi (e ségueo a ser), un lugar de encontro, de diálogo intercultural, entre linguas, relixións e culturas, é un patrimonio cultural da Humanidade e tamén unha recoñecida ruta de arte, gastronomía e turismo.

O propio apóstolo Santiago que dá nome á cidade, representa, na súa mesma iconoloxía, unha figura ambivalente. É á vez un símbolo que encarna a representación da guerra e a paz, a paz e a guerra, pois é simultaneamente o camiñante, romeu, peregrino e solidario, e tamén o batallador, guerreiro e violento... unha ambivalencia que coincide coa propia personalidade humana, os seres humanos como suxeitos capaces dos logros máis positivos e extraordinarios e, á vez, responsábeis e protagonistas dos meirandes desastres.

Estamos, xa que logo, nun lugar sen dúbida privilexiado para reflexionar sobre a cultura da violencia, sobre a educación e a investigación para a paz, sobre a pobreza e a inxustiza, sobre a fame, as violacións dos dereitos humanos, a deterioración ambiental, as verdades máis incómodas, os grandes problemas non resoltos da humanidade.

OS ANTECEDENTES

Xa en 1994 tivo lugar en Santiago de Compostela o I Congreso Europeo de Educación para a Paz, con notábel éxito, baixo o lema de "Por unha Europa de paz, multiétnica e intercultural", unha cita coordinada admirabelmente polo noso compañeiro e amigo D. Calo Iglesias. Posteriormente, en 2005, a Conferencia de Paz, Solidariedade e Desenvolvemento, e no seu marco o Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz, presidida tamén por D. Federico Mayor Zaragoza. Dúas grandes iniciativas nas que as entidades promotoras deste Foro 2010 tiveron tanto que ver. Dous precedentes, organizativos, de pensamento e reflexión ecopacifista, tamén de acción social, que tiveron a Santiago de Compostela como símbolo e referente inequívoco.

Galicia e Santiago de Compostela formaron parte do amplo movemento que, sobre todo, nos últimos 30 anos, foise desenvolvendo en España e en todo o mundo, en relación coa educación, a investigación e a cultura da paz, de xeito moi activo, en contacto permanente con iniciativas similares, promovidas por entidades e asociacións da sociedade civil, moi diversas e plurais, que coa súa actividade práctica e de reflexión, tamén de mobilización, conseguiron ir introducindo nas persoas, nas organizacións, na educación e nas axendas políticas, os grandes obxectivos da paz e a non violencia, do diálogo e a concordia, de tal xeito que hoxe estamos, sen ningunha dúbida, en mellores condicións que nunca para consolidar lexislación, redes organizativas, estruturas, experiencias, propostas positivas, boas prácticas, que permitan avanzar cara a outro mundo posíbel, máis xusto, máis solidario, máis sustentábel e, sobre todo, máis humano.

En España, nos últimos anos, fomos quen de promover iniciativas educativas moi relevantes, desde a incorporación da Educación para a Paz aos curriculos escolares como eixo transversal obrigatorio nos '90, á nova materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, vixente a partir do vindeiro curso en todas as CC.AA con competencias plenas, ou os avances lexislativos en materia de Fomento da educación e a cultura da paz en Cataluña (2003), no Estado (2005) e as boas expectativas noutras comunidades nesa mesma dirección, como é o caso de Galicia, ou experiencias singulares de enorme interese como as Escolas Espazo de Paz de Andalucía, por citar algúns exemplos salientábeis.

Un longo camiño desde que a mediados dos anos '60, D. Llorenc Vidal promovese a celebración nas escolas do Día da Non Violencia e a Paz ou de que nacesen os primeiros centros de investigación para a paz a principios dos anos '80, en diversos lugares do Estado, seguindo o exemplo de iniciativas pioneiras como a do SIPRI de Estocolmo e outros institutos de investigación similares en diversas partes do mundo.

Paralelamente, non sen dificultade, o movemento de educación e investigación para a paz en España foi creando marcos organizativos cada vez máis sólidos e hoxe a rede AIPAZ, que preside Dª Manuela Mesa, agrupa a moi diferentes entidades e organizacións do Estado, moitas delas representadas neste Comité Organizador do Foro 2010.

No eido internacional moito se avanzou tamén, aínda que demasiadas veces máis con palabras e xestos que con accións concretas, polo que os desafíos, as carencias, en materia de paz e xustiza, sigan sendo enormes.

Desde o fin da II Guerra Mundial, conmocionada polo horror, a comunidade internacional viuse obrigada a buscar alternativas non violentas para abordar os conflitos internacionais e con ese obxectivo naceu o sistema de Nacións Unidas, tan necesitada dunha reforma en profundidade, ou a propia Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 que plasma, en si mesma, de xeito certamente brillante, os grandes soños de paz e de xustiza universal da Humanidade. Con todo, como sabemos moi ben, a historia dos dereitos humanos é tamén a historia da súa propia violación...

Debemos recoñecer que son numerosas e excelentes as declaracións, recomendacións, programas de acción, cartas e manifestos... que desde aquel momento a Comunidade Internacional foi aprobando, aínda que son moito menores, todos o sabemos, os esforzos económicos e as prioridades á hora de atopar solucións aos problemas, algúns deles, encistados ou agravándose co paso dos anos.

Entre as grandes recomendacións internacionais aprobadas máis recentemente non podemos deixar de citar a Declaración e Plan de Acción para unha Cultura de Paz (1999), o Manifesto 2000 dos Premios Nobel da Paz, a Declaración do Decenio da Cultura de Paz e a non violencia, 2001-2010; os Obxectivos do Milenio ou o Programa e Plan de Acción para a Alianza de Civilizacións (2006), documentos e programas que teremos ocasión de analizar no trascurso deste Foro 2010 con moito máis detalle cos seus máximos promotores e representantes.

Tamén no eido internacional, como apuntamos anteriormente, fóronse creando iniciativas converxentes de grandes redes da sociedade civil, moi plurais, moi diversas, con enfoques e singularidades evidentes (Asociación Internacional de Educación para a Paz, Hague Appeal for Peace, International Peace Association, Ubuntu, Trascend...), de entre as cales, os Foros Sociais Mundiais (FSM) e os Foros Mundiais de Educación (FME), son, sen dúbida, algúns dos nosos referentes máis relevantes, como alternativas a outros Foros (Davos) e organismos internacionais (OMC, Banco Mundial, FMI...) que reúnen aos máximos dirixentes mundiais para establecer as prioridades e as axendas neoliberais que, con demasiada frecuencia, contradin, cando non imposibilitan, a solución aos problemas e o cumprimento dos obxectivos das declaracións citadas.

O propio Informe de Nacións Unidas na metade da Década da Cultura da Paz e a non violencia, así o recoñece. En consecuencia debemos compartir que ao movemento altermundista, ao ecopacifismo, aos educadores e educadoras para a paz, á investigación, á cultura da paz, aos movementos sociais, quédanos moita tarefa por facer, para substituír a cultura da forza, da violencia e da imposición, pola cultura da paz, do diálogo e da concordia.

A idea de organizar en Santiago de Compostela este Foro 2010, un espazo de encontros, de reflexión, de intercambio de experiencias, de análises, de avaliación, e de acción, sobre a educación, a investigación e a cultura da paz, quere ser tamén un alto nos nosos respectivos camiños e accións, nas nosas respectivas prácticas sociais, tanto no eido local, como no nacional e internacional, para facer balance e marcarnos metas, converxentes e concretas, de futuro.

 

EVENTOS FORO 2010