| Acto inaugural do comité organizador |
|
|
|
|
O pasado día 28 de Marzo, tivo lugar en Santiago de Compostela, a constitución e primeira reunión do Comité Organizador do Foro 2010, promovido pola Fundación Cultura de Paz e o Seminario Galego de Educación para a Paz. No evento coincidirán a xuntanza do Consello Internacional do Foro Mundial da Educación (FME), a celebración dun Foro Mundial temático sobre "Educación, investigación e cultura de paz", así como diversas actividades paralelas de carácter artístico, musical e cultural, ademais dunha reunión de membros do Grupo de Alto Nivel de Nacións Unidas para a Alianza de Civilizacións. Todo iso, aproveitando outros acontecementos, entre eles, o Xubileo, o final da Década da Cultura da Paz e a non violencia proclamada por Nacións Unidas (2001-2010) e os 10 anos da aprobación dos Obxectivos do Milenio. No Comité Organizador están representadas numerosas organizacións e entidades do conxunto do Estado Español e de Portugal. É a nosa intención seguir sumando vontades nesta iniciativa. PRESENTACION ACTO INAUGURAL FORO 2010(Manuel Dios, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz-Fundación Cultura de Paz)
Sras. Conselleiras de Educación e Cultura, Sr. Secretario de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, Sra. Subdirectora Xeral de Cooperación, Sra. Concelleira de Urbanismo do Concello de Santiago, Sr. Vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Sr. Director da Compañía de RTVG, Sres. Portavoces dos grupos parlamentarios, Sr. Presidente da Fundación Cultura de Paz Sras e Sres membros do Comité Organizador do Foro 2010 Sras e Sres invitados Amigas e amigos É para nós un pracer e unha honra, como Seminario Galego de Educación para a Paz, e como Fundación Cultura de Paz, recibilos hoxe aquí, en Compostela, co obxecto de constituír oficialmente e manter a primeira das reunións do COMITÉ ORGANIZADOR DO FORO 2010, unha iniciativa que pretende materializarse no marco do próximo Ano Xacobeo, no mes de Decembro, data na que conflúen unha serie de felices coincidencias. Por unha banda, como xa dixen, é o último dos xacobeos de ciclo corto e que celebraremos durante o ano 2010. Por outra, remata da Década da Cultura da Paz e a Non Violencia (2001-2010) proclamada polas Nacións Unidas e na que tanto tivo que ver D. Federico Mayor Zaragoza como Director Xeral da UNESCO cando se aproba a Declaración e o Programa de Acción en 1999 e no posterior Manifesto 2000 dos Premios Nobel da Paz. A Alianza de Civilizacións, o proxecto conxunto dos gobernos español e turco, asumido como propio por Nacións Unidas, e o seu Programa, terán xa un percorrido avaliable, así como os chamados Obxectivos do Milenio. A Fundación Cultura de Paz cumprirá os seus primeiros 10 anos de existencia e o propio Seminario Galego de Educación para a Paz celebrará, celebraremos, o noso XXV Aniversario. É polo tanto unha magnífica ocasión para organizar, en Santiago de Compostela, un evento de relevancia internacional que permita reflexionar sobre os grandes desafíos da educación, da investigación e da cultura da paz no século XXI, no que abordemos, de xeito plural e interdisciplinar, as boas experiencias e as mellores práticas que están a desenvolverse en Galicia, no Estado e no mundo. Queremos reunir en Compostela ás máximas representacións das máis recoñecidas entidades e institucións que traballan pola paz en moi diferentes ámbitos, organizacións, centros de investigación, universidades... Queremos ademáis que esta reunión coincida coa celebración dun Foro Mundial da Educación temático, precisamente, sobre Educación e Cultura de Paz, así como con diversas actividades paralelas e simultáneas, exposicións artísticas, cinematográficas, do fotoxornalismo, de banda deseñada, da música, la literatura... que teñan por centro a Cidade da Cultura de Galicia e que visibilicen, para toda a cidadanía e visitantes, as demandas universais de paz, democracia, xustiza, solidariedade e dereitos humanos. Mesmo existe a posibilidade de promover unha reunión en Compostela do Grupo de Alto Nivel de Nacións Unidas para a Alianza de Civilizacións. Un proxecto tan ambicioso como ilusionante e para o que contamos co apoio e a colaboración de persoas e organizacións representativas do Estado e de Portugal, e que seguiremos incrementando no futuro. Permítanme que cite a aquelas que están hoxe nesta reunión constitutiva. A Fundación Cultura de Paz, co seu presidente, D. Federico Mayor Zaragoza. Dª Manuela Mesa, presidenta da Coordinadora Estatal de grupos e entidades de educación e investigación para a paz, AIPAZ, e directora de CEIPAZ, Dª Carmen Magallón, directora do Centro Pignatelli de Zaragoza, Dª Mariá Oyanguren, directora de Gernika Gogoratuz de Eskadi, D. Jonan Fernández, director de Baketik, Centro pola Paz de Arántzazu, tamén de Euskadi, D. José Antonio Binaburo coordinador e promotor da rede de Escolas de Paz de Andalucía, D. Manuel Manonelles da Fundación Cultura de Paz de Barcelona, D. Joam Evans, do Instituto Galego de Estudios de Seguranza Internacional, o IGADI, D. Jordi Armadans, presidente da Fundación per la Pau de Cataluña, D. José Manuel Pureza, do Centro de Estudios Sociais da Universidade de Coimbra en Portugal, D. Francisco Muñoz do Instituto de Paz e Conflitos da Universidade de Granada, D. Vicent Marínez Guzmán do Centro Internacional de Paz e Desenvolvemento da Universidade Jaume I de Castellón, a Universidade de Santiago de Compostela co seu vicerreitor de relacións institucionais, D. Lourenzo Fernández Prieto e varias profesoras e o profesores, Altermundo, D. Manoel Santos, D. Xabier Macías, da Fundación Galiza Sempre e o Seminario Galego de Educación para a Paz, promotor desta iniciativa, e tamén representado por varios membros da súa Directiva. Queremos vincular neste traballo ás diferentes institucións nacionais e internacionais, desde a ONU e a UNESCO, ás institucións do Estado, das CC.AA e de Galicia, universidades, entidades privadas, ás grandes redes da sociedade civil, ás organizacións non gubernamentais, sindicatos, MRPs, movementos sociais, fundacións, escolas e institutos, para facer de Compostela, no 2010, un referente mundial na defensa dos valores da cultura da paz. Nos encantaría tamén que no horizonte do 2010, e aquí temos persoas moi comprometidas con esta iniciativa, Galicia contara coa súa propia lei de fomento da educación e da cultura da paz e co seu propio Instituto Internacional pola Paz. Con esa ilusión traballaremos e a ese obxectivo convocámosvos. Feliz estancia e mellor traballo. Ten a palabra... [CONTINUAR Á PRIMEIRA XUNTANZA ORGANIZATIVA] |