| Acta da segunda xuntanza do Comité Organizador do Foro 2010 |
|
|
|
|
ACTA DA SEGUNDA XUNTANZA DO COMITÉ ORGANIZADOR DO FORO 2010 (CONGRESO INTERNACIONAL DE EDUCACIÓN E CULTURA DE PAZ) Arantzazu, 12 de outubro de 2008 O pasado día 12 de Setembro tivo lugar en Baketik (Centro pola Paz de Arantzazu), en Euskadi, a segunda reunión do Comité Organizador do Foro 2010 presidido por D. Federico Mayor Zaragoza. A sesión comezou ás 9:30 horas coas palabras de benvida de D. Jonan Fernández, director de Baketik, agradeceu a presenza de todos e todas as participantes e desexou unha boa estancia en Arantzazu. Deu a continuación a palabra a D. Jon Landa, responsable do Departamento de Dereitos Humanos do Goberno Vasco, quen felicitou aos organizadores, de xeito singular ao Seminario Galego de Educación para a Paz, ao Comité Organizador e ao seu Presidente, D. Federico Mayor, polo seu esforzo, rigor e previsión, así como a todas e a todos os asistentes. Ademais, comprometeu o apoio do goberno vasco á iniciativa e aproveitou para presentar, brevemente, os grandes obxectivos do Plan de Educación para a Paz e os Dereitos Humanos vixente en Euskadi. A continuación interveu o profesor Mayor Zaragoza quen insistiu na idea da educación, entendida na súa plenitude (fronte á simple información ou á instrución) tal e citou a D. Giner dos Ríos que a entendía como "Dirixir con sentido a propia vida". A educación como participación fronte á simple recepción resignada e pasiva, como elemento para a acción e o protagonismo cidadán. Falou ademais do Foro Mundial da Educación, do tránsito real de súbditos a cidadáns, de superar a etapa en que os gobernos nos conten, máis ou menos periodicamente, a que contemos de verdade. Fixo referencia ás grandes cuestións relacionadas coa educación, entre elas, a idea de mirar ao mundo no seu conxunto para coñecelo e a un mesmo, mirar doutro xeito e máis lonxe, para comprender, como un alicerce ético fundamental, recordando a anécdota da nena que lle pedía á súa profesora, a primeira vez que vía o mar, "mestra, axúdame a mirar". Tamén recalcou a necesidade de educar e de actuar, é tempo de acción, porque non podemos seguir tolerando o gasto diario de 3.000 millóns de dólares en armas no mundo (máis agora o escudo antimísiles en Europa) e aceptar a morte diaria de preto de 60.000 persoas de fame (FAO), como consecuencia dunha economía de guerra, reivindicando a idea dunha economía para o desenvolvemento global. Denunciou a substitución interesada dos grandes principios éticos universais (xustiza, liberdade, solidariedade, fraternidade, igualdade...) polos valores do mercado e as decisións -profundamente inxustas- de que cando todo vai ben, cando todo son beneficios, encherse a carteira e non facer nada. Agora, cando a cousa non vai tan ben, é o Estado quen salgue ao rescate das empresas co diñeiro dos contribuíntes. Non hai dereito recalcou... Trátase de pasar da cultura do medo e da violencia á cultura do diálogo e da esperanza, pasar da forza, á palabra, e desmontar os inmensos intereses que se esconden detrás do "músculo", da dominación e da imposición, actitudes que son e foron tradicionalmente masculinas... Falou do Foro Social Mundial (FSM) ao cal está adscrito o FME (Foro Mundial de Educación), do Decenio da Cultura da Paz, do Programa de Acción para a Alianza de Civilizacións, da necesidade do seu balance, e de Santiago de Compostela como lugar idóneo para facelo no 2010. Fixo fincapé en que contamos con grandes documentos e declaracións, excelentes, suficientes, para organizar unha gran xuntanza internacional, pero recalcou a necesidade de escoitar aos educadores e ás educadoras, coa súa experiencia, e de someter os nosos borradores, os nosos documentos marco, os nosos pensamentos e reflexións, acordos, á consulta dos docentes. E contamos con leis, decretos, plans... que se foron aprobando no Estado e nas CC.AA. e que debemos profundar, ampliar e desenvolver. Resaltou o profesor Mayor a necesidade de dirixirse de xeito moi especial aos parlamentarios, aos medios de comunicación e á sociedade civil, ás universidades, así como ás institucións e ao sistema de Nacións Unidas. Finalizou a súa intervención facendo unha apelación ao século da xente e á carta de Nacións Unidas "Nós os pobos..." facendo un chamamento para actuar con visión de futuro. A continuación o Secretario e Coordinador do Foro 2010, D. Manuel Dios Diz, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, tomou a palabra para presentar o Documento Marco remitido previamente, agradeceu o apoio do Departamento de Dereitos Humanos do Goberno Vasco e a D. Jon Landa a súa colaboración e presenza, a D. Jonan Fernández e ao equipo de Baketik, a D. Xoan Antón Pérez Lema, secretario de relacións institucionais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, ao Presidente do Comité Organizador, D. Federico Mayor, así como a todas as persoas e entidades que forman parte do citado Comité, o seu esforzo e traballo. Deu a palabra a continuación a todas e a cada unha das persoas presentes para presentarse e interviñeron D. José Antonio Caride, catedrático de didáctica da USC e presidente da Asociación Internacional de Pedagoxía Social, D. Roberto Mansilla do Igadi, Dª María Oyanguren, directora do Gernika Gogoratuz, D. José Antonio Binaburo, coordinador do programa andaluz de Escolas Espazo de Paz, D. Francisco Muñoz, director do Instituto de Paz e Conflitos da Universidade de Granada, Dª Carmen Durán, directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz, D. José Manuel Sabucedo, catedrático de Psicoloxía Social da USC, D. Pedro Badía, director de Escola, D. Manoel Santos, director de Altermundo, Dª Carmen Magallón, directora do Seminario de Investigación para a Paz do Centro Pignatelli de Zaragoza, Dª Elvira Landín, avogada laboralista e directiva do SGEP, D. Jordi Armadans, director de Fundación per a Pau de Cataluña, D. Manuel Manonelles, director da Fundación Cultura de Paz en Barcelona, D. Viçent Martínez Guzmán, director da Cátedra Unesco da Universidade Jaume I de Castelló, D. Joam Evans, director do Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e dá Paz, D. Xavier Macías, director da Fundación Galiza Sempre, D. Xoan Antón Pérez Lema, secretario de relacións institucionais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e D. Jonan Fernández, director de Baketik , ademais de D. Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz, D. Jon Landa, director do Departamento de Dereitos Humanos do Goberno Vasco e D. Manuel Dios Diz, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz. Escusaron a súa asistencia algúns dos membros do Comité que por distintas razóns non puideron desprazarse a Arántzazu, concretamente, Dª Manuela Mesa, D. Lourenzo Fernández Prieto, Dª Irene Rodríguez Manzano, D. José Manuel Pureza, D. Ramón Sánchez Rodríguez e Dª María Xosé Agra Romeu. Retomou de novo a palabra D. Manuel Dios Diz, agora si, para presentar o Documento Marco, recordando a sesión constituínte do Comité Organizador en Santiago de Compostela o pasado 28 de Marzo, da correspondencia mantida nestes meses, o Acta da sesión anterior, o avance de programa, o directorio do Comité Organizador, as propostas para o Comité de Honra, as entidades promotoras, patrocinadores, calendario de reunións, as ideas para as exposicións e actividades paralelas, os contidos das sesións congresuais, os bloques temáticos, o documento marco e o primeiro avance do orzamento, xunto coa orde do día da reunión de Arántzazu. Reafirmou o carácter de proposta do documento ao que se foron facendo algunhas modificacións en función das propostas escritas trasladadas a un texto orixinal elaborado e consensuado entre D. Federico Mayor, Dª Manuela Mesa e o propio D. Manuel Dios. Por exemplo, a inclusión da palabra "actuar" no título, a posibilidade de ampliar un día as datas, do 9 ao 13 de Decembro, para dedicar a última sesión a Conclusións e Propostas, os eixos temáticos, ou algunha redacción final máis axustada nos 7 grandes Obxectivos e na denominación do Instituto Internacional pola Paz . Resumiu a continuación D. Manuel Dios, o documento, en que consiste o Foro 2010, a orixe da iniciativa, os apoios institucionais cos que parte, a composición actual do Comité Organizador, así como o por que dun Foro destas características en Santiago de Compostela, as coincidencias relevantes que concorren no 2010, as características do Foro Mundial da Educación (FME) no marco do movemento alatermundialista, os precedentes, así como unha moi breve historia da educación e a investigación para a paz en España, finalizando coa lectura dos 7 grandes obxectivos do Foro 2010 e o Programa provisional, resaltando dous compromisos finais: a posta en marcha dun programa de bolsas e de axudas para evitar o eurocentrismo do Foro e unha web do Foro a partir de Xaneiro de 2009 polo menos en galego, castelán e inglés. Abriuse a continuación un rico e plural debate nunha quenda de intervencións no que practicamente participaron todos os asistentes. Antes deles, recalcou D. Manuel Dios a necesidade do compromiso persoal e das organizacións representadas na difusión, a incorporación de propostas, as suxestións para co Foro 2010, a urxencia de solicitar os auspicios das organizacións internacionais, os patrocinios e os apoios precisos. A continuación producíronse as seguintes intervencións que resumimos brevemente: D. PACO MUÑOZ:Ademais de agradecer e felicitar aos autores do Documento e o seu acordo xeral, insistiu na necesidade de crear redes de contacto citando á Universidade de Pamplona en Colombia e o seu Congreso inminente para vinculalo coa iniciativa do Foro 2010, na consecución do recoñecemento de excelencia ao seu programa na Universidade de Granada, en ampliar e mellorar o uso de Santiago como símbolo e en equilibrar algo máis o documento destacando os aspectos positivos e de esperanza, e o papel da investigación para a paz. D. JOSE ANTONIO BINABURU:Agradecendo o traballo do SGEP, propón redactar un Manifesto de presentación do Foro 2010 antes da próxima sesión do Comité que permita adherirse a máis entidades e persoas, institucións, etc. Tamén resalta a necesidade de dar ao documento un contido máis positivo, máis esperanzado, por exemplo, destacando o papel das escolas na axuda ao desenvolvemento. D. JOSE ANTONIO CARIDE:Feitas as felicitacións e agradecementos, considera que non queda o suficientemente explícito o papel da educación e dos docentes, en toda a súa amplitude, polo que propón incrementar a dimensión educativa, trasladando ao programa unha perspectiva máis ampla, integral e integradora da educación, reivindicando o papel dos educadores sociais, as actividades socioculturais, etc. e no apartado metodolóxico ampliar considerablemente o referido á participación, investigación- acción, xogos cooperativos, dinámicas de aula, a innovación... Considera, ademais, que no obxectivo 7 se cambie a palabra "controlar" por velar por, ou avaliar... e propón, tamén, facer unha apelación expresa á sociedade do coñecemento, á interdisciplinariedade, compartir coñecementos e que todo iso sexa trasladable aos plans educativos. D. JOAM EVANS:Agradece a invitación e nas áreas temáticas propón algunha modificación de redacción (prevención da paz, por conflito), ampliar ao empoderamento no apartado de Cidadanía global e gobernanza cosmopolita, no Obxectivo 4 un tema podería ser Paz e administración pública, substituír a reforma da ONU polo sistema de relacións internacionais, incorporar o eixo "Desarmamento e economía para a paz" e un tema como "Violencia e Saúde" sobre a base da declaración da OMS do 2002. Ofrécese tamén para facer, se se considera necesario, a tradución dos textos e a web ao portugués. D. PEDRO MUÑOZ:Na súa segunda intervención insiste na idea de que todos os documentos, debates, propostas... chegue aos centros educativos, que sexa un proceso de ida e volta. Tamén na necesidade de articular mellor o congreso nos contidos e nos relatores, facendo especial fincapé na participación de Africa, os distintos credos e os pensadores relevantes da UE e de USA, así como na importancia de establecer unha estratexia para políticos, parlamentarios, sociedade civil, sindicatos, APAs, municipios, escolas, medios, etc. D. JONAN FERNÁNDEZ:Empeza por reivindicar a empatía con D. Manuel Divos e co SGEP para axudalo na súa tarefa e nas enormes dificultades que ten coordinar, propor, organizar, redactar, etc. e na necesidade de que asumamos que todos e todas somos Comité Organizador e, en consecuencia, actuar como tal, intervindo con fluidez e, sobre todo, pasando previamente as propostas por escrito, redactadas, tal e como o fixeron algunhas persoas. Polo tanto, pide que os textos, por favor, mellor redactados. Expón a continuación a existencia dunha certa confusión na denominación do evento e na urxencia de clarificar a estrutura e nome do mesmo. Tamén a conveniencia de optar por un modelo de Foro disperso ou concentrado, así como sobre a idea de facer un diagnóstico crítico e non compracente sobre a situación da educación, a investigación e a cultura da paz, así como a quen nos queremos dirixir, actores da educación, investigadores, institucións... Dª CARMEN DURÁN:Apunta unha serie de modificacións ao texto en relación coas actividades paralelas e a súa coincidencia co Foro, sobre a mellor denominación de ?Outros mundos posibles? en plural ou a idea dos debates temáticos. Dª CARMEN MAGALLÓN:Manifesta a súa valoración positiva do texto, felicita aos autores e bota en falta un lema que conmova, que sexa algo así como a alma do congreso, citando, como exemplo posible ?Vivindo xuntos sen medo? e na necesidade de mobilizar e incluír tamén as boas prácticas sociais. D. MANOEL SANTOS:Tamén comparte a necesidade de clarificar ben o nome para evitar confusións e na quen nos diriximos, insistindo, sobre todo, nos movementos sociais. D. JOSE MANUEL SABUCEDO:Agradecendo a invitación e felicitando aos autores recalca a idea de atopar un gran obxectivo, un lema, que ilusione e que conmova. Expón a pregunta de por que a Cultura da Paz non entrou aínda a formar parte do sentido común da cidadanía e botou en falta un tema como é o da ciencia e a paz. D. XABIER MACÍAS:Agradece a invitación e considera que debemos propor un modelo de Congreso menos tradicional, menos académico e máis autoxestionado. Comparte a idea de que é necesario analizar o contexto do fracaso da globalización e do modelo neoliberal, na liña dos Foros Sociais Mundiais e na urxencia de incorporar ás mulleres e ás súas organizacións, así como no deseño dunha nova arquitectura institucional mundial tendo moi en conta os dereitos dos pobos. Tamén recorda a importancia de incorporar ás redes de educación ambiental ao Foro 2010. D. MANUEL MANONELLES:Felicita aos autores e valora moi positivamente a estrutura poliédrica proposta no documento. Fai unha mención á idea de concentrar as datas ou a que se sucedan en fervenza e en que todas e todos incorporemos desde xa ás nosas axendas do 2009 e do 2010 a promoción nos nosos respectivos ámbitos do Foro 2010. Coincide na relevancia de dirixirnos aos parlamentarios, ás redes sociais e aos medios de comunicación citando o nomeamento de D. Federico Mayor como presidente de Interpress Service. D. PACO MUÑOZ:Insiste tamén na necesidade de actuar e en ser actores protagonistas e na capacidade e na responsabilidade de transformar a sociedade. Dª ELVIRA LANDÍN:Coincide en facer un estudo moi autocrítico pero tamén positivo, na idea dun lema que conmova reivindicando, ademais, a espiritualidade laica, a austeridade e a coherencia, así como en dar bolsas a máis xente do mundo máis empobrecido. D. JOSE ANTONIO CARIDE:Establecer unha liña estratéxica de como chegar a outros. Na idea dun congreso que sexa, á súa vez, educativo, coherente coa perspectiva de que ?Outra educación é posible?, con perspectiva política, de pedagoxía política tamén, evitando contradicións e incoherencias. D. PEDRO BADÍA:Agradece a invitación e compromete o apoio de Escola. De acordo coa intervención de J.M. Caride sobre explicitar máis o concepto educación. O Congreso ten que facer unha viaxe de ida e volta aos centros. E a sociedade civil a través das súas organizacións máis representativas. Neste sentido indica a necesidade de elaborar contidos e estratexias moi concretas. Tamén manifesta o seu acordo con Jonan Fernández sobre a idea de centrar o máis posible a idea forza do congreso. O compromiso de Escola será facer un primeiro encarte na primavera do 2009 co primeiro folleto do Congreso. Creo que a partir de Marzo e cun folleto en man deberiamos de ter unha estratexia clara para a difusión e a promoción do Congreso. Eu proporía presentar o Congreso como mínimo a:
D. VIÇENT MARTÍNEZ GUZMÁN:Agradece e felicita. Cre que debemos falar menos e colaborar máis na organización, facilitarlle as cousas ao coordinador. Neste sentido cre que debemos estar ao que desde a secretaría se lle solicite a cada un. En que se pidan colaboracións e tarefas concretas. Ofrécese a redactar mellor o apartado da figura de Santiago póndoo en relación co lema de Isaías de transformar as espadas en arados. Propón incorporar nos ítems temáticos "Filosofías para facer as paces". En relación cos parlamentarios considera que debemos reivindicar o desenvolvemento e os incumplrmentos da lei de fomento da educación e a cultura da paz. Incluirá na axenda do 2010 a celebración das sesións do seu Máster Internacional en Santiago en coincidencia co Foro. Máis concretamente, desde a Cátedra UNESCO de Filosofía para a Paz da Universitat Jaume I de Castelló, proporemos incluír na programación do Máster e Doutoramento en Estudos Internacionais de Paz, Conflitos e Desenvolvemento para o curso 2010-2011, unha viaxe dos estudantes (entre 70 ou 80 dunhas 40 nacionalidades), para asistir ao Foro2010 en Santiago de Compostela do 9 ao 13 de decembro de 2010, como parte da nosa programación, como xa fixemos nas xornadas de Gernika de 2008. D. JONAN FERNÁNDEZ:Cre que existen múltiples suxestións de consenso, propostas novas, oportunas, o lema, o modelo de congreso, o Manifesto...e que queda moita tarefa á que debemos incorporarnos todos. D. FEDERICO MAYOR:Considera moi importante a idea dun diagnóstico pero iso só non é suficiente, é necesario concretalo en propostas positivas, rupturistas, radicais, audaces, avanzadas... se que se pode (yes, we can, de Obama). O Manifesto pode ser unha columna vertebral propositiva, un lema que conmova, pensalo entre todos e facer suxestións a Manuel, canto antes. Non esquecerse dos audiovisuais e a súa relevancia, ollos que ven...a verdade máis incómoda aínda, como vive e morre a xente... Reivindicar o poder cidadán, a necesidade de ampliar as redes de cultura de paz e en esixir o cumprimento e desenvolvemento da lei de fomento da educación e a cultura da paz. D. JONAN FERNÁNDEZ:Considera que o diagnóstico provocativo da situación é a base de propostas rupturistas que debemos elaborar nós, para os actores da educación e a investigación para a paz, para os movementos sociais, para o universo político e institucional... Dª CARMEN MAGALLÓN:Insiste no diagnóstico pero na necesidade de ofrecer brechas de pensamento de esperanza, que dean enerxía e recalca a idea do lema ?educación para vivir xuntos?... A continuación D. Manuel Dios fai unha síntese breve dos compromisos e tarefas nas que existe acordo: TAREFAS
|