| Foro 2010 e Cultura de Paz |
|
|
|
|
Manuel Dios Diz-. O concepto “Cultura de Paz” nace, por iniciativa de D. Federico Mayor Zaragoza, a mediados dos años ’80, como un proxecto “transdisciplinario” que foi configurándose e concretándose sucesivamente con distintas declaracións de Nacións Unidas… A máis importante destas declaracións foi, sen dúbida, a de 1999, que leva anexo un Programa de Acción moi detallado e que propiciou, posteriormente, novas actuacións, como son, por exemplo, o Manifesto 2000 dos Premios Nobel da Paz ou a proclamación do Decenio 2001-2010 como o da Cultura da Paz e a non violencia para tódolos nenos e nenas do mundo. Desde aquela, este concepto, con todo o que significa de oposición á cultura da violencia e da guerra, foi afirmándose tanto no mundo académico como na sociedade, e tamén na lexislación, entrando a formar parte do currículo escolar en distintos países e tamén nas normas constitucionais, mesmo nos novos Estatutos de Autonomía dalgunhas comunidades españolas, así, expresamente, como Cultura de Paz, como un dos grandes obxectivos e fins das actividades académicas, políticas públicas e sociais, como xa o é a referencia constante á Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948. No Estado Español, a primeira comunidade en lexislar sobre este tema foi Cataluña, coa súa propia lei de fomento da cultura da paz do ano 2003 e a posta en marcha do seu Instituto Catalán Internacional pola Paz, que preside o bo amigo Rafael Grasa. Posteriormente, en 2005, as Cortes Xerais aproban a Lei de fomento da educación e a cultura da paz, vixente na actualidade, que ademais de promover diferentes accións en materia de Cultura de Paz, creaba unhas axudas anuais, de aproximadamente un millón de euros, para actividades diversas en materia de fomento da paz. Lamentablemente estas axudas foron diminuíndo cada ano e neste, no 2009, desaparecen por completo como consecuencia dunha decisión, desde o meu punto de vista, unilateral e arbitraria, do Ministerio de Educación y Ciencia, amparándose no manido argumento da crise económica que casualmente afecta, neste departamento, ás únicas subvencións que contemplaba a citada lei. Poucas son as persoas que coñecen a existencia dunha lei de fomento da educación e a cultura da paz en España. Menos as que entenden que neste ano 2009, e non sabemos si no sucesivo, desaparezan os poucos fondos económicos destinados a materializar ese fomento e promoción da cultura da paz que establece a lei do 2005. Cando falamos de Cultura de Paz estamos a referirnos, tal e como proclama Nacións Unidas e a UNESCO, non só á educación para a paz, os dereitos humanos e a democracia, senón tamén, á loita contra da exclusión e a pobreza, ó diálogo intercultural e interrelixioso, á resolución pacífica de conflitos ou á prevención e construción da paz. En Galicia, o Seminario Galego de Educación para a Paz leva varios anos promovendo a elaboración, por acordo parlamentario, dunha lei propia de fomento da cultura da paz. Existe a vontade de poñela en marcha na actual lexislatura entre os tres grupos parlamentarios, tamén un borrador de proxecto de lei que elaboramos como documento de partida, e o compromiso de crear estruturas estables de participación cidadá en materia de paz. O ano 2010 está moi cerca, cargado de simboloxía, porque non só é Ano Xubilar, senón que remata a Década da Cultura da Paz e a non violencia (2001-2010) de Nacións Unidas e o Seminario Galego de Educación para a Paz celebra o seu XXV Aniversario. Con ese motivo propiciamos o Foro 2010 (www.foro2010.org) como un gran contedor cultural no que terán lugar distintos eventos de relevo internacional como son un Foro Mundial de Educación (FME) temático sobre “Educación, investigación e Cultura de Paz”, unha reunión de membros do Grupo de Alto Nivel de Nacións Unidas para a Alianza de Civilizacións; unha reunión internacional dos Coordinadores do Decenio da Cultura da Paz; un Congreso Mundial sobre o Dereito Humano á Paz ou a reunión da Rede Internacional de Museos da Paz, todo no mes de decembro de 2010, xunto con actividades artísticas e culturais que farán de Compostela unha referencia mundial en materia de Cultura de Paz. Ademais estamos a promover a constitución da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC e un gran Centro pola Paz, o Lar da Paz, no Convento Franciscano de Herbón en Padrón. Qué fermosa celebración do 2010 sería ter en vigor a lei de fomento da cultura da paz de Galicia. Que así sexa... Manuel Dios Diz preside o Seminario Galego de Educación para a Paz e dirixe a Fundación Cultura de Paz en Galicia. |