Skip to content

Foro 2010 - Foro Mundial de Educación, Investigación e Cultura de Paz

Site Tools
Increase font size Decrease font size Default font size
You are here: Páxina inicial ARTÍCULOS Manifesto de Compostela pola paz mundial e a xustiza
Manifesto de Compostela pola paz mundial e a xustiza PDF Imprimir E-mail

Manifesto lido o 25 de outubro de 2009 con motivo da Marcha Mundial pola Paz e Non Violencia.

Cada día morren 35,000 nenos de fame no mundo segundo a FAO. É un xenocidio de proporcións impresionantes, ao que asistimos impasibles, moitas veces sen inmutarnos. Ao mesmo tempo, calcúlase que o gasto diario en armamento é de 3.000 millóns de dólares e os subsidios agrícolas dos Estados Unidos e da Unión Europea roldan os 800 millóns diarios. Afirman que non hai fondos para o tratamento da SIDA, para acadar os Obxectivos do Milenio, para rematar coa pobreza e a miseria ... pero os Estados veñen de sair ó rescate das institucións financieiras e dos cobizosos que provocaron, coa súa ambición desmedida, o desplome da economía capitalista internacional.

Os enormes beneficios do complexo industrial bélico e militar dirixen en boa medida a economía mundial. Porque seguimos a vivir nunha economía de guerra. De feito, persisten máis de 35 conflitos armados no mundo, algúns especialmente longos e xeradores de enorme inestabilidade internacional, como é a ocupación israelíta dos territorios palestinos, a guerra de Afganistán e Iraq, ou Chechenia, por citar tan só algúns dos máis relevantes.

Derogar a guerra segue a ser un imperativo moral do século XXI.

É urxente compartir xustamente. Non hai mellor caldo de cultivo da radicalización, a animadversión e a agresividade que a humillación e a exclusión. A violencia non se xustifica, nin pode lexitimarse, pero as súas orixes deben de examinarse atentamente. 

Cómpre fortalecer o multilateralismo e dotar ás Nacións Unidas dos medios e autoridade necesarios para emprender un gran plan global de desenvolvemento en beneficio de todos.

O Norte, primordialmente, séguese a enriquecer cos recursos naturais de países aos que empobrece progresivamente e cuxa cidadanía se ve forzada a emigrar en circunstancias que con frecuencia constitúen un agravio á súa dignidade e atopando na dura viaxe a hostilidade e a restrición das leis dos Estados que, curiosamente, os explotan (Directiva da Vergoña).

Non é con votos cautivos, con obediencia cega e con temor e medo como se constrúe e consolida a democracia xenuína. Non é con guerras de cobiza, con demostracións de forza, accións bélicas e invasións dirixidas por intereses económicos e enerxéticos -que xeran unha espiral de violencia, de acción e reacción, de intervención e represalia- como podemos facer fronte aos grandes desafíos e asimetrías de todo orde que presenta a situación mundial. 

Os gobernantes abdicaron das súas responsabilidades políticas, substituíndo valores universais polas leis do mercado. O resultado foi a concentración da riqueza nunhas cantas mans e a ampliación das fendas sociais e económicas. 

¡

NON Á POBREZA!

Hai que esixir aos gobernantes, a través dun auténtico clamor a escala mundial, que dean prioridade ao cumprimento dos Obxectivos do Milenio e o remate da carreira armamentística. Chegou o momento da non resignación, da implicación persoal. 

Proclamamos, unha vez máis, que non xustificamos os atentados e a violencia, veña de onde veña. Condenamos todo tipo de terrorismo: o dos grupos ocultos nas sombras e o terrorismo de Estado. Utilizouse a tortura, o trato cruel e degradante, violando reiteradamente o dereito internacional e humanitario. 

É necesario que a Comunidade Internacional poña fin á barbarie, ás masacres. Como se establece na Carta das Nacións Unidas son os pobos os que deben decidir sobre o seu destino. Debemos sumar con rapidez voces de todos os pobos do mundo para dicir:

¡BASTA! Á GUERRA E Á VIOLENCIA

Calamos en exceso. Agora acabouse o silencio. Os pobos elevarán a súa voz. A guerra é unha traxedia para todos. É urxente desarmar a razón armada. Hoxe máis que nunca son necesarios a capacidade de diálogo e de alianza, o compromiso de intentar a resolución pacífica de conflictos, fomentando actitudes de encontro e respecto aos demais, mediante a aplicación cotiá dos DereitosHumanos sustituíndo a violencia, a forza e a imposición pola Cultura da Paz

É necesario cambiar o curso dos acontecementos a través de accións colectivas, desenvolvendo a solidariedade entre os pobos. É urxente que os intelectuais, artistas, educadores, científicos .... abandonen a súa pasividade e pasen á acción. Só así os seus escritos e as súas palabras será cribles e poderán contribuír a sumar os seus esforzos aos de moitos outros para deter a tolemia da guerra, da confrontación e da violencia. 

Chegou o momento da xente. E, sobre todo, dos mozos, dos homes e mulleres que reclaman outro mundo posible. As institucións e medios de comunicación deben axudar á cidadanía mundial para que, por fin, deixen de ser espectadores e desempeñen a súa función de protagonistas no deseño do futuro. Os gobernantes, parlamentarios, membros dos Consellos Municipais ... teñen unha especial responsabilidade neste cambio histórico. 

Chegou tamén o momento das culturas e das relixións máis diversas para que, unidas pola solidariedade e o amor ao próximo que lles é inherente, se poñan a vangarda do rescate da dignidade humana. 

É necesario que os pobos asuman a resistencia social, cultural, política e espiritual a través de mobilizacións, da non cooperación á violencia e inxustiza, de sumar esforzos con outros pobos e denunciar aos responsables de dominacións e da dor que afecta a humanidade. 

Hai que poñerse en pé, en pé de paz e camiñar cara a novos horizontes de vida e non de morte. Malia todo, esa é a esperanza.

E a Marcha Mundial pola Paz e a non violencia é unha ocasión máis de poñernos en pé de paz e de camiñar xuntos pola xustiza, a paz e a solidariedade. E aquí estamos en Compostela organizacións moi diversas unidas polo noso compromiso inequívoco coa cultura da paz e a non violencia, para sustituír a forza pola palabra, a imposición polo diálogo, a confrontación pola negociación.

Por canto antecede, coa mirada posta nas xeracións vindeiras, facemos un chamamento a todos quen se sentan igualmente concernidos para que manifesten pacificamente, a través de todos os medios ao seu alcance, presenciais e virtuais, a súa adhesión á paz:

Neste sentido reivindicamos:

  1. O desarmamento nuclear a nivel mundial
  2. O retiro inmediato das tropas invasoras de tódolos territorios ocupados.
  3. A reducción progresiva do armamento convencional.
  4. A sinatura de tratados de non agresión entre países.
  5. A renuncia dos gobernos a utilizar as guerras como medio para resolver os conflictos.
  6. O rexeitamento de toda forma de violencia.

Reafirmamos hoxe o noso compromiso coa paz e a non violencia e dicimos, de novo, 

NON Á GUERRA E Á VIOLENCIA! SI Á PAZ E Á XUSTIZA!


ASINAN A PRESENTE DECLARACIÓN:

AIS O PETO
ASOCIACION CULTURAL WIPALA
CC.OO DE GALICIA
COLEXIO DE EDUCADORAS E EDUCADORES SOCIAIS DE GALICIA
COLEXIO DE PSICOLOXÍA SOCIAL
COORDINADORA GALEGA POLA PAZ
FORO GALEGO DA INMIGRACION
FUNDACION CULTURA DE PAZ
INICIATIVA POLOS DEREITOS HUMANOS
IRIMIA
MEDICOS DO MUNDO
MUNDO SEN GUERRAS
OSPAAAL GALICIA
SEMINARIO GALEGO DE EDUCACION PARA A PAZ
SINDICATO DE TRABALLADORAS E DE TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
UGT GALICIA
XENEME INTERVENCION SOCIAL